Martes, 26 de Xuño de 2007

The Ring… ring

Para min The Ring xa non será unha película de terror, senón un método de desenvolverse en rúas ateigadas de xentes. Senón pensades o mesmo, vede o seguinte vídeo:
Parece mentira que o timbre dunha bicicleta faga que a xente se bote a un lado. Supoño que o truco funcionará en China e en poucos máis países, pero hai que atopar un equivalente en Galicia para os días de feira. Eu apostaría a que chega con levar no móbil o son dun gato con mala hostia, ¡seguro que así aparta a xente!

Manuel Pampín na Voz

Onte saíu na Voz unha entrevista de Nacho Mirás Fole a Malén Pampín:

«O que máis me gusta de saír en pantalla é o plus que nos pagan»

  • Xornalista e presentador de informativos da Televisión de Galicia
  • Estes días está «en boxes» por unha operación de cadeira da que evoluciona estupendamente; pero volverá con forzas renovadas

Manuel PampínDicía o mestre Kapuscinski que, para ser bo xornalista, hai que ser boa persoa, que os cínicos non valen para este oficio. Se un día poñen a TVG e sae Jesús Manuel Pampín Sánchez (Melide, 1958) informando de que o ceo caerá sobre as nosas cabezas, mellor ir buscando un casco, porque será verdade; as boas persoas non menten.

-É vostede un histórico…

-Van vintedous anos.

-Moita xente pensa que a súa cara e o seu xeito de contar as noticias transmiten credibilidade…

-Non sei, son estilos. A clave é a naturalidade, aínda que pareza un tópico. Falar como falas ti habitualmente e, sobre todo, na Galega, ter un galego que chegue, que non sexa finxido.

-É certo. Na TVG tamén hai un galego como de laboratorio que soa raro…

-Hai xente que só fala galego cando presenta. Eles saberán, pero hai que ter un pouco de interese pola materia, sobre todo a xente que procede das cidades. ¿Cóntoche un detalle?

-Conte…

-Unha vez veu un rapaz de Madrid á redacción, fomos ao plató e, cando acababa a visita, dime: «¿Pero aquí la gente no habla en gallego?» ¡Un tío de Madrid! Sentín un pouco de vergoña.

-¿Que cara se lle pon se alguén lle chama á TVG a Telegaita?

-Creo que non hai que dramatizar. No seu tempo era unha realidade, polo tipo de televisión que se facía. Agora, aínda que hai moitísimo que mellorar, evidentemente os contidos cambiaron. Pero iso da telegaita o tomo pola parte anecdótica.

-Si que gañou en luminosidade, hai máis luz nos platós, son menos tristes…

-¿En luz? Esteticamente si que cambiou. Agora, o plató de informativos parece de verdade, antes era como de xoguete. Agora hai outra elegancia.

-¿Os profesionais sofren máis nunha tele pública que nunha canle privada?

-Penso que si. Eu teño unha teoría: cando dependes do tema político, malo, sempre estás condicionado. E claro que sufrimos, porque ti tes uns ideais, unhas utopías xornalísticas de limpeza, de liberdade, e logo non é así. Pero hai graos e graos de presión e condicionantes. Ás veces pásase mal.

-Pasou vostede moito tempo en segunda fila…

-Marxinado.

-Non me atrevía. Pois si, marxinado…

-Absolutamente. Na anterior etapa, cando pasei a informativos, despois de deportes, fun apartado, executado. Fun dos que participou naquela iniciativa lexislativa popular para pedir que se cambiara o nomeamento do director xeral. Alí estiven, traducindo teletipos durante anos. Tampouco che mandaban facer directos, nin saídas… Sete horas alí para traducir noticias nada comprometidas.

-Agora está en pantalla outra vez, é outra motivación…

-Sénteste útil. Agora contan contigo, aportas as túas ideas. Antes era un cero á esquerda. Insisto, todo é mellorable.

-Ía ser vostede o xefe de informativos da Radio Galega, pero dimitiu antes de tomar posesión…

-Eu pactara con alguén ter absoluta liberdade para escoller á xente. Pero cando chegou o director que está actualmente, de todo o prometido, nada. Entón deixeino o día antes de asinar. Non me arrepinto en absoluto. Eu non estou aquí por cartos, e a cota de vaidade xa está cuberta.

-¿Como leva ser unha cara coñecida?

-Mal. Moita xente aínda me recorda polos deportes. O que máis me gusta de saír en pantalla é o plus que nos pagan.

-¿É profeta na súa terra?

-Home, hai un cariño, un sentimento. Pero, máis que nada, polos meus pais, que tiveron un ultramarinos toda a vida e son xente coñecida. A xente ten mitificados aos presentadores. Eu sempre lles digo: «¡Pero se é un traballo como outro calquera!».

-Se estes días non sae na tele, non ten nada que ver con marxinación…

-Non. Cunha operación de cadeira, automarxínome. Xa me operara da outra. Teño tres meses para gozar desa cousiña pequeniña [sinala á súa filla, que lida pola redacción da Voz]. Ten dous anos. Agardei bastante, tívena con 46 anos. Non entendía cando os adultos babeaban cos nenos; agora si, pero so coa miña.

Vaia, como o presentador da TVG é de Melide tiña que pór a entrevista aquí.

Luns, 25 de Xuño de 2007

Un verán animado con El Mundo

Héroes del cómic en DVD
Estes últimos anos algúns xornais (mesmo deportivos) lanzaron coleccións moi interesantes de comics, pero El Mundo este verán quere avanzar cunha colección de DVD con heroes do mundo do cómic, que se estreará con 2 DVD de Batman e Superman respectivamente por só 7,50 euros.
As datas de lanzamento dos distintos DVD son as seguintes:
Datas da colección de El Mundo
Como vén a ser normal, a colección é interesante, pero resulta un pouco cara, pois os DVD están normalmente a 8,99 euros e no verán se poden atopar cun 25% de desconto, ou sexa, 6,74 euros. Logo, os DVD da Liga de Justicia se pode mercar en tempadas completas, así como os de Superman, e saen bastante mellor de prezo.
Eu teño tódolos DVD da promoción agás o segundo dos Superamigos, e só hai un que non recomendo, o de Batman contra Drácula, que é un tanto chungo. Pero insisto en que a promoción sae algo cara, pero ó que queira picar recoméndolle agardar ó 5 de agosto, que é cando sae o DVD de Batman: La Máscara del Fantasma, que é sen dúbida o mellor da colección.

Cancelan o concerto de Marea en Palas de Rei

Dende o blogue Pallatium Regis leo que o concerto de Marea no Rock e Motos se suspende (non din as causas) e a fonte da nova é Marearock (ou sexa, información solvente) mentres que o pasado venres en El País daban o concerto por confirmado pese a que a nova da cancelación é do día 13. Para quen o dubide, a cancelación é oficial e xa non se venden entradas para o concerto (pódese comprobar, por exemplo, na web da FNAC).
Menudo putadón de nova. O único que se me pasa pola cabeza neste momento é berrar ¡a la mierda la primavera!:

Domingo, 24 de Xuño de 2007

Portátiles resistentes

Hai uns anuncios de portátiles Lenovo que están a causar furor na Rede, e non me sorprende, pois son moi orixinais. O primeiro é un no que someten a un portátil a probas anti-choque coma se fose un coche (con dummy e todo):
Aínda que a versión submerxible aínda é máis friki:
Vaia, que iso de que o portátil do anuncio aínda non é submerxible, así que non probes a usala na bañeira tívome a súa graza.
Ah, e para os que non o pillen, Lenovo é o fabricante chinés dos ordenadores persoais de IBM (o fabricante norteamericano só fai servidores na actualidade), de aí que os portátiles sexan Thinkpads.
Non sei se os anuncios estes se chegaron a emitir, pero sospeito que non, porque iso de facer ficción con produtos reais podería ser publicidade enganosa (especialmente cando se ve que pantalla do portátil segue funcionando tras un impacto, cando son de cristal líquido, ou sexa, fráxiles).

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios