Luns, 19 de Febreiro de 2007

Unha razón para odiar ó iPod

Si, un pode gustar máis do Creative Zen, do SanDisk Sansa ou do Microsoft Zune que do iPod, pero se hai un motivo para non gustar do reprodutor multimedia de Apple é o seguinte:
Marisa Miller cuberta por un iPod
Ó final vai resultar que o iPod vai poder facer de bikini, ou iso parece trala sesión fotográfica de Marisa Miller para o especial de bañadores de Sports Illustrated para o presente ano.

Domingo, 18 de Febreiro de 2007

Melide vs Arzúa: primeiro sangue para Melide

No traballo teño a desgraza de contar cun compañeiro pataconeiro (non todo o mundo pode ser de boa terra), e cando lle estaba botando en cara que a súa vila era unha merda, púxose a dicir que Melide non era máis grande que Arzúa, ó que tiven que responder que tiñamos uns 1.200 habitantes máis (segundo a Galipedia, Melide contaba en 2004 con 7.804 hab. mentres que Arzúa só tiña 6.632). Tamén argumentei que eles non tiñan nin por onde ir a tomar unhas copas pola noite, e este argumento parece que vén de reforzarse o pasado sábado pola noite, no programa da TVG coñecido coma Son de Estrelas:

Na casa pillamos o devandito programa comezado (estabamos a facer zapping) e cando vimos que saía Melide na tele, paramos de zappear, e de súpeto vemos como a mociña que alí saía espeta iso de “hola, son Cristina, veño de Arzúa“… ¡Me cagho en ros! ¡Alporizámonos todos! ¡Se Arzúa está fóra da Terra de Melide! Estabamos indignadísimos, pero a camareira pataconeira arranxou o conto cando engadiu que “Melide é un pobo bastante diferente a Arzúa, é como máis… como que ten máis sangue, ¿sabes? Arzúa é un pobo máis ben apagado. Arzúa é máis… Melide ten… ¡¿eu qué sei?! ¡Máis vital! Tanto no vrao como… ¡¿eu qué sei?! Eu quero ir tomar algo e tal e atópome mellor en Melide que en Arzúa“. Esa declaración fíxonos berrar e aplaudir na casa.

Un par de cousas quedan claras:
-A representante da Terra de Melide vai ter problemas para pasear polas rúas de Arzúa
-A camareira arzuana non vai ter problemas en Melide, e case aseguraría que polas noites non lle van deixar pagar nin unha copa.

Se o tradicional enfrontamento entre Melide e Arzúa fose un combate con espadas, está claro que o primeiro sangue sería para Melide ;)

Xoves, 15 de Febreiro de 2007

Tempos Novos

Durante as gravacións do informativo de Correo TV, o seu presentador, Lois Oreiro (máis coñecido entre nós coma o muñeco) recomendoume ler unha das súas colaboracións en La Opinión (por aquilo de que eu vivo na Coruña) e trala a súa aparición esta semana no Tierras de Santiago, non se me ocorreu outra cousa que vacilalo decíndolle que el escribía en publicacións de garrafón mentres que eu escribía noutras de máis categoría coma Tempos Novos, aínda que se tratase dunha verdade a medias… que agora xa se consolida, pois este mércores chegou ás rúas o novo número da revista Tempos Novos, que conta con colaboracións de escritores coma Suso de Toro, políticos coma Anxo Guerreiro ou xornalistas coma María Yáñez, entre os que se colou un servidor na sección Espiral Innovadora, coordinada por Darío Janeiro e na que, en dúas páxinas, adianto a miña predición tecnolóxica do que será o ano 2007:

Portada do número 117 da revista Tempos Novos
A tecnoloxía que vén

As transicións entre os anos serven moitas veces para marcarse metas para o futuro (deixar de fumar, ir ó ximnasio…) así como para facer prognósticos sobre o que nos deparará o ano que comeza, e o panorama tecnolóxico non pode librarse deste tipo de análise, xa que é un dos eidos nos que resulta máis interesante a realización de proxeccións temporais. Deste xeito, observando a situación actual e as promesas da industria sobre o que chegará ó mercado de consumo nos vindeiros meses, podémonos atrever a predicir a evolución que nos deparará 2007.

Se hai un sector que se reinventa ciclicamente, ese é o tecnolóxico, e así, ¿quen podería adiviñar que o teléfono móbil sería un complemento máis de case tódolos cidadáns europeos? Mesmo a substitución do vídeo polo DVD ou a emerxencia de formatos coma o DivX para os ficheiros multimedia son revolucións que poucos puideron predicir, polo que tamén hai que recoñecer que o futuro imaxinado poucas veces se converte en real (lembremos as películas de mediados do século XX que imaxinaban un ano 2000 con xente vivindo no espazo). Pero cando as previsións son a poucos meses vista, a posibilidade de acertar é maior, e podemos adiantar os cambios que van chegar no presente ano.

A informática

O mundo dos ordenadores, pese ó que moitos pensan, non é moi dinámico, de xeito que nos últimos 5 anos apenas se produciron cambios, imperando o Windows XP coma sistema operativo e o MS Office coma solución ofimática de escritorio, mentres que o único cambio salientable sería o da popularización das pantallas TFT, que fixo que os monitores de tubo se convertesen nunha especie en perigo de extinción pese a ter unha calidade de imaxe superior ó dos seus delgados irmáns.
Pero o presente ano pode ser o inicio dunha renovación no parque informático, xa que a aparición do Windows Vista pode dar un pulo á comercialización de novos equipos.

A banda larga

R incrementará as súas velocidades de acceso á Rede a primeiros de 2007E a informática está sen dúbida vencellada ó acceso á Rede, que historicamente sufre dunha horrenda fenda en Galicia, xa que boa parte da poboación non se pode conectar á Internet dende a súa vivenda porque contan con liñas telefónicas obsoletas que non dan tal posibilidade.
Levamos anos no que se vai pechando a fenda dixital absoluta, ou sexa, que a conectividade se converte nunha realidade en toda Galicia, pero iniciamos así unha nova fenda baseada en prezos e velocidade de acceso, de xeito que se produce o paradoxo de que os cidadáns urbanos teñen acceso á banda larga a un prezo moi inferior que os do rural, ou sexa, que nas zonas xeográficas nas que máis se debería potenciar o acceso ás TIC temos que o nivel económico dos seus habitantes se converte nun atranco que deberiamos traballar todos para superar, de xeito que a democratización da Rede sexa unha realidade, e que non dependa da renda dos galegos.

Agora ben, tamén hai que salientar que nas cidades (e en moitas vilas) o operador galego do cable, R, está a traballar para mellorar as súas infraestruturas e servizos (nos vindeiros meses van mellorar substancialmente a velocidade de acceso á Internet sen incremento de prezo para os seus clientes), de xeito que se consolida como un dos operadores de acceso á Rede mellor valorados do Estado, o que nos debería levara reflexionar sobre o feito de que a condición periférica galega non é desculpa para ofrecer produtos tecnolóxicos de calidade.

A telefonía móbil

A problemática do acceso á Rede resulta comparable ó estado da telefonía móbil en Galicia, de xeito que actualmente temos unha coberturas moi dispares segundo a tecnoloxía de comunicación á que nos refiramos, de xeito que a cobertura do móbil chega a case todo o territorio, pero cando falamos das novas opcións como a telefonía 3G, a cousa xa non resulta tan esperanzadora, aínda que vai mellorando paseniño, e se podería complementar con outras tecnoloxías de conectividade sen fíos para supor unha transformación de moitos procesos produtivos no rural.

Pero se algo está a cambiar coa tecnoloxía dos móbiles é a multimedia, e así a videochamada é posible dende moitos lugares, e incluso a televisión no móbil. De tódolos xeitos hai que destacar que aínda que en Galicia temos acceso a unha boa oferta de contidos para o móbil, o que non temos aínda é material propio, ou sexa, que sería sumamente interesante que algún operador achegase algún contidos multimedia en galego (ou mesmo a programación da TVG) ós nosos teléfonos celulares.

A televisión

Pero a televisión non queda só nos dispositivos móbiles, senón que tamén está a vivir toda unha revolución grazas á TDT, que vai mellorando pouco a pouco a súa cobertura en Galicia, e que permitirá ter nos vindeiros anos unha mellor oferta audiovisual de balde, na que hai que destacar novas canles autonómicas e locais polas que aínda que haberá que agardar bastante (ou sexa, que 2007 aínda non será o ano da revolución).
Iso si, pola
parte que lle toca a R, este ano si será memorable, posto que dixitalizarán o seu servizo televisivo
, o que lles permitirá non só ofrecer máis dun cento de canles, senón tamén darlle as mesmas un valor engadido grazas á interactividade e a outras posibilidades que nos porán á altura do resto de España neste ámbito.

A electrónica de consumo

Blusens
A nivel mundial os dispositivos reprodutores de MP3 e moitos outros aparellos parecen destinados a reinar no lecer doméstico e persoal, e mentres a prensa en xeral bota flores sobre o iPhone de Apple , en Galicia podemos falar de Blusens, esa empresa compostelá que nos está a achegar reprodutores de MP3 con conectividade Bluetooth (produto no que son pioneiros no mercado), reprodutores multimedia portátiles, gravadores de TDT con disco duro e mesmo traballan na integración de tecnoloxía GPS nos seus reprodutores portátiles (e non esquezamos que a meirande parte dos seus produtos contan coa opción de configurar os seus menús en galego), polo que en Galicia non temos que acomplexarnos, e podemos facer fronte a xigantes internacionais tanto aquí coma no exterior.

Conclusións

Teremos un 2007 que vai ser máis do mesmo, ou sexa, que os móbiles cada día farán máis cousas, a Internet cada día irá máis rápido e será máis accesible, sairán cada novos dispositivos que nos farán a vida máis doada e divertida e, de ser afortunados, acadaremos unha poboación mellor comunicada, que poida manter un ritmo que lle permita á nosa terra estar ó nivel do resto de Europa no tocante a iso que dan en chamar Sociedade da Información, e á que deberemos contribuír ó noso xeito, para facela máis nosa.


Non sei se coincidiredes coas miñas predicións, pero supoño que de xeito xeral se trata de temas sobre os que hai pouca discusión. Unha mágoa que non puideran incluír o dominio galego na Internet coma unha novidade para o presente ano… ¡pero gustaría incorporar tal elemento ás miñas predicións para 2008!

Eu, pola miña banda, teño que recoñecer que quedei gratamente sorprendido pola revista (tanto en maquetación coma en contidos), pois non a vira no seu novo formato, e tamén agradecín que me servise para ter referenzas do que está a facer Xavier Alcalá por Bruxelas. Ora ben, coido que atopala nos quioscos é bastante complexo ou, canda menos, eu non fun quen de vela en ningures (supoño que en Melide non haberá tal problema, xa que apostaría algo a que os de Parrado teñen a sensibilidade suficiente como para ter este tipo de publicacións) aínda que é moi posible que o feito de que tivese unha imaxe mental da revista na que se podía ler a palabra TEMPOS na súa portada me levou a engano, xa que agora ten un T como cabeceira. ¿Algún de vós me pode confirmar lugares en Coruña ou Santiago nas que se venda a publicación (é que non teñan reservados os exemplares que lles cheguen, claro)?

Mércores, 14 de Febreiro de 2007

San Valentín

O humorista gráfico John Trever publicou no The New Albuquerque (si, o xornal do lugar ese no que Bugs Bunny sempre esquece xirar á dereita) unha ilustración que reflicte excepcionalmente cómo sería unha celebración super-friki do día de San Valentín (digna do propio Wicho ou de calquera outro habitual da Casa das Ciencias):
Unha pedra por San Valentín
Agardo que vos fixera graza, e que, se tedes alguén a quen facer un agasallo no Día Internacional das Florerías, procurade non ser moi cutres (se regalades unha pedra… que sexa de Santiago) ;)

Domingo, 11 de Febreiro de 2007

Non estou morto

Aínda que o pareza, nin estou morto, nin estou tomando cañas, pero por motivos laborais non puiden actualizar este blogue nas últimas dúas semanas, xa que dende primeiros de xaneiro comezamos as emisións de Correo TV, a nova televisión do Grupo Correo Gallego, na que me vin involucrado de rebote (mercaron Código TV). Como pasa con tódolos comezos, as cousas son complicadas e precisan de moito traballo, polo que incluso me resulta difícil atopar tempo para durmir, polo que non só teño que pedir desculpas por non escribir neste espazo (resulta simpático lembrar que cando veu a un debate na tele Loli, sorprendeuse de verme porque non comentara no blog que traballaba alí), senón que aínda sinto máis non poder ler o que escribe o resto do blogomillo (así como ter o karma de Chuza! en horas baixas).
Procurarei manter este espazo vivo, pero a periodicidade se verá bastante tocada ata que se normalice a miña carga de traballo (¡quen carallo me mandaría a min facer de todo!).

Polo momento continúo administrando (aínda que escriba pouco) a web de Código Cero e os servizos asociados ó dominio Melide.net, pero a deixadez da miña páxina persoal só reflicte o meu agobio actual, que agardo que dure pouco, xa que gusto de comunicar cos demais.

Tamén sinto non ter asistindo ó Primeiro Aniversario do Cocktail Cadius coruñés. Intentarei asistir ás vindeiras xuntanzas, pois son encontros que paga a pena manter no tempo.

Agora, aproveito este respiro para darlle os parabéns a Chago, un melidense que veu premiado un traballo que realizou con moitos atrancos (perdou a súa tese doutoral por un problema informático, e non tiña copia de seguridade, polo que tivo que volver a elaborala):

Un traballo sobre alumnado rural gaña o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Un traballo que analiza a nivel cuantitativo e cualitativo a discriminación do alumnado rural que acode a centros de ensino da vila de Melide é o gañador da duodécima edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Santiago Prado Conde é o autor do estudo, titulado Poboacións non pertinentes nas institucións educativas. O alumnado con procedencia rural na terra de Melide .
Convocado polos concellos de Allariz e Castro Caldelas e polas fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco, foi fallado onte polo xurado formado por Fernando Acuña Castroviejo, Teresa Devesa Graña, Xosé Manuel Cid Fernández, Francisco Fernández Rei e Xerardo Pereiro Pérez. Salientan que se trata dun traballo pioneiro na antropoloxía da educación e que convida á reflexión e á transformación da actual realidade educativa. O premio está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra.

E tralas explicacións anteriores, teño que admitir o meu abraio ó consultar a listaxe do blogomillo que manteñen dende Blogaliza, xa que este espazo está na quinta posición (e a Suevo tampouco lle vai mal):
Os blogues todos do blogomillo
¿Será por difundir os éxitos de Edilberto Alonso? ¿Por apoiar ó PuntoGal? ¿Ou será simplemente porque os amigos que un fai día a día neste mundo virtual teñen a ben ligar este blogue dende os seus? Gusto de pensar este último, así que, grazas a todos por continuar aí.

« Entradas máis novas

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios