Martes, 18 de Xullo de 2006

Os Tonechos en Potenzia

O programa de onte de Somos unha potenzia volveu a acadar un nivel máis que aceptable, no que xa parece un encauzamento do programa, e supoño que o feito de que levasen ó Tonechos subise algo a audiencia, aínda que eu agradecín o feito de que en realidade fosen Roberto e Víctor os presentes, xa que os personaxes dos Tonechos xa os teño aburridos.
Ó pouco de empezar (tras facer un par de parvadas) xa tiveron que contar con Chus para escenificar un tópico das festas de verán, co curioso xeito de pagamento dos xefes das comisións de festas, aínda que o apontamento que fixeron os Tonechos é aínda máis ilustrativo:

Quizais o peor da entrevista dos Tonechos foi a irrupción da sección dos espías en prácticas, que aínda non lle atopei xeito en ningún programa, e agardo que a acaben eliminando (os actores que participan poderían intervir no programa de moitos outros xeitos, sen romper o ritmo das entrevistas).
Iso si, a interrupción corrixírona cunha desmedida homenaxeando ós Irmáns Marx, o que tivo certa coña dada a semellanza de Víctor/Tucho cun dos míticos humoristas:

O segundo bloque do programa destacou por ter tantos convidados coma sempre, pero cunhas interaccións curiosas, pois cando menos eu flipei coas caras que Josefa de Bastabales lle lanzaba a Davide Salvado. ¡Daban para facer un poema!

Iso si, se ben a pasada semana era a primeira vez que gustaba de Desencontros, esta ocasión moloume Dende o sofá, pois a coña dos estilos de música e as cancións tradicionais galegas resultou moi atinada. ¿Quén non cantou nunca A Rianxeira tras unha noite nos viños? Sen dúbida, unha boa entrega das clases pasivas:

A intervención das Rumorosas pareceume un pouco rara esta semana, xa que só puxeron imaxes curiosas e simpáticas pero, agás as das pandeiretas, non se sabía moi ben a qué viñan. E o feito de que non citasen as fontes fíxome pensar que posiblemente se tratase de material que foron gardando ó longo do tempo e que agora gardasen no seu ordenador. ¿Alguén me podería ilustrar sobre as fontes das imaxes desta semanas? Porque as pandeiretas tuneadas eu as vira nalgunha parte antes, por agora non dou na conta.

Por certo, ¿fun eu o único que lle pareceu chocante que en todo o programa non empregase o plano cenital cando facían referenza ó Altísimo. Supoño que estaría mal a cámara e ninguén llo dixo á xente do plató :(

Nesta ocasión tamén o sketch dos alcaldes estivo bastante ben, coa alcalde de Arousa en Londres, especialmente polo feito de que a anécdota do reloxo musical está baseada en feitos reais:

Iso si, o remate do programa si que foi glorioso, con Carlos Blanco explicando a súa idea dun argumento para unha película porno con grandes estrelas galaicas como Falo Núñez e Mercedes Pezón. Aínda que cando escachei coa risa foi cando comentou o momento de sexo lésbico bilingüe normativo-reintegrado que me pareceu baseado en feitos reais (¿alguén pode confirmar tal?).
En definitiva, outras risas máis grazas ós monólogos de Carlos Blanco:

8 comentarios realizados

a gravatar

1. Xosé Antón escrito o 19 de Xullo de 2006 ás 0:20

Boa selección. Moi interesante a blog para cando perdamos o magnífico programa de Carlos Blanco ou queiramos recrearnos nalgún dos moitos momentos memorábeis.

a gravatar

2. Marcus escrito o 19 de Xullo de 2006 ás 1:01

Xosé Antón, agardemos que a utilidade da publicación de fragmentos do programa de Carlos Blanco sexa de utilidade só para os que teñen que madrugar e non poden quedar ata tarde vendo a televisión, ou sexa, que o mellor é que tardemos moito en perder o programa.

a gravatar

3. EMF escrito o 19 de Xullo de 2006 ás 8:22

Coincido 100% e engado algo: im-prezionante ver a todo o público do programa dándolhe ás pandeiretas. E algumha que daba xenio vela do bem que o fazíam. Escolha de mússicos para facer de público ou é que em realidade sí somos umha potença em pandeiretas? :-)

a gravatar

4. bola extra escrito o 19 de Xullo de 2006 ás 8:47

menos mal que alguén está de acordo en que o dos espías non ten xeito…
vexamos… esta semana vin só a primeira parte do programa, pero si, gustoume moito, supoño que porque os tonechos revolucionaron un pouco o tema e Carlos Blanco improvisou máis e tirou moito menos de guión… Parecéronme sublimes dous momentos:
-a primeira saída dos Tonechos vestidos de tunos, cando acabaron cantando “Xuntos” de Juan Pardo…
-cando Carlos Blanco dixo “euskal herria son as vascongadas, non? es que me lío…”…
Fantástico! Sigo sen entender a razón pola que non improvisa durante todo o programa, se está capacitado e ademais o fai tan ben…
Efectivamente, non só non funcionaba a cámara cenital, senón que en xeral, a produción do programa do luns foi desastrosa… ademais do da cámara cenital, mencionaría eses molestísimos cortes que hai no paso e no regreso dos videos… o son foi bastante malo… ao rapeiro apenas se lle entendía a letra, e os micrófonos parecía que estaba cada un a un volume diferente…
E para rematar, sinceramente, sigo sen verlle a graza ás Rumorosas (sobre todo na sección de internet) e o gag dos irmáns Marx está ben pero… porque cada cousa que se fai no programa ten que ser para lucimento do programa e non para lucimento dos invitados? Nese gag apenas enfocaron para os Tonechos!

a gravatar

5. Elianinha escrito o 19 de Xullo de 2006 ás 9:40

Ola, non teño altavoces no meu ordenata e teño unha dúbida que me come por dentro: podes dicirme algunha cantiga das que dicía Carlos Blanco? Sobre o do porno e tal.
Explícome: eu participeu nun concurso de monólogos presentado por el, no que utilizaba as cantigas populares para ir explicando a súa utilidade na vida real, para ligar, a retranca e tal. E remataba propoñendo montar unha produtora porno á galega, a través de certas cantigas populares moi ‘picantes’. Gustaríame saber se me pillou a idea ou non. Graciñas!

a gravatar

6. Marcus escrito o 19 de Xullo de 2006 ás 11:47

Elaininha, Carlos comezou co “teño un amor en Rianxo e outro en Vilagarcía, para ver os meus amores teño que cruzar a ría”, para dar paso ás cantigas sexuais coma os hinos gais “catro vellos mariñeiros” ou “marica se vas á feira” ou aquella do Xacobeo de “non me fodas co Camiño” e iso foi o que deu pé a falar das Leilía coma fantasía erótica para inspirar a primeira película porno galega para a exportación. Supoño que Carliños terá que ir a falar cos de Papillón por se queren producir a peli.

a gravatar

7. Nemigo escrito o 19 de Xullo de 2006 ás 21:24

blanco está a deixar pasar unha ocasión que nen pintada. Non se botou a fraga pra ter un refrito do supermartes, joer!
Que se deixe de medias tintas e leve a NUNCA MÁIS ou mellor aínda que leve á MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGUISTA que hai moitas persoas na galiza que están a aportar cousas novas, unha alternativa.
Os tonechos? Cal vai ser o seguinte convidado, porque farruco xa foi!
saúdos

a gravatar

8. Marcus escrito o 19 de Xullo de 2006 ás 21:46

Nemigo, supoño que o ritmo de convidados seguirá igual durante o verán, posto que Blanco comentou nalgún medio que se trata de programas gravados porque el precisaba un par de semanas libres para unha película, de aí que poida que certos contidos parezan moi enlatados. Pero apostaría que á volta do verán o programa chegará con moita máis frescura. Crucémolos dedos.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios