Luns, 31 de Xullo de 2006

Xantanza do Blogomillo en Compostela

O pasado domingo, entre Pawley e Dorfun montouse unha Xantanza (xantar+xuntanza) do Blogomillo no San Clodio (en Compostela), na que participamos preto de 30 persoas (e algúns que non somos máis frikis que persoas). Esta é a primeira vez que asisto, pero xa era o 3º encontro deste tipo, no que algúns coñecidos, e outros descoñecidos, nos achegamos co interese común de contribuír á blogosfera galega.
A variedade de asistentes foi brutal, con xente veterana no vivir (coma Muralla) e outros máis noviños (coma o fillo de Goretoxo) de xeito que tivemos un xantar bastante agradable que serviu para coñecernos mellor aínda que contou cun par de problemas:
1- non se podía fumar no local (polo que había algunha xente que estaba desesperada)
2- a mesa distribuíase ó longo, polo que só se podía falar coas persoas que tiñas ós lados e enfronte… estaría mellor unha mesa redonda ou mesmo cadrada

Para min tamén foi unha sorpresa que, cando ía de camiño para Santiago, me chamase ó móbil Conchi (tamén coñecida coma Jan) que é moza do meu curmán Pablo (O Breogán) e eu non sabía que ía a vir á Xantanza (non coñecía o seu alcume). Así, fumos xuntos ata ó María Castaña (na Raíña) onde nos comezamos a xuntar antes de ir ó San Clodio.

No San Clodio a cousa estivo ben, especialmente o intercambio de agasallos do Amigo Inblogsíbel, pero o momento que máis lembrarei do día foi cando, tras comentar certos detalles de Yolanda Castaño (e outros personaxes mediáticos de Galicia) lembraron que co gallo do Día da Patria a poeta escribira a palabra pel nunha parede da rúa de San Pedro polo que, cando saímos do San Clodio de camiño ó Parque de Bonaval, uns membros do clube de fans da Castaño decidiron hackear o graffiti, engandindo unhas letriñas que engadían moito significado á obra:
Pelexa

Despois, en Bonaval, a cousa foi relaxadiña, falando cada un do que lle cadraba, e acompañados de música brasileira, con versións en directo de clásicos de Djavan e mesmo de Bob Marley:
Fotografía tomada en Bonaval por Oko

Eu tiven que marchar cedo (ás 19:40) porque tiña que ir a cear a Melide, e cando lisquei aínda quedaba a meirande parte da xente por alí, e Modesto conta no seu blog que se xuntaron máis blogueiros coma o ausente Berto á troula. Unha mágoa non ter quedado ata máis tarde, pero a verdade é que non estimaba que o Xantanza se alongase tanto no tempo (pois de ser así miraría de quedar ata máis tarde).

Sen dúbida, un día a lembrar e repetir. A ver se antes de rematar o ano montamos outra troula semellante, para coñecernos mellor e dar posibilidades a que algún se poida dedicar a E.R.D.F.

Domingo, 30 de Xullo de 2006

Galicia, Hoxe… mañá, ¡conquistar o mundo!

Como todo bo friki, o meu obxectivo vital ten que ser conquistar o mundo (como dicían Pinky e Cerebro), polo que comezo intoxicando informativamente dende Código Cero e agora tamén cunha entrevista que me fixo Vanesa Oliveira para o xornal Galicia Hoxe:

Marcus Fernández: “O O sector tecnolóxico vive un momento crucial en Galicia”
O Día do Apóstolo de hai cinco anos nacía o sitio web ‘Código Cero’ para informar en galego sobre as novas tecnoloxías. A iniciativa tivo éxito e, case ó mesmo tempo, creouse a revista en papel do mesmo nome que non deixou de colleitar novos subscritores até chegar hoxe en día ós 1.800. Falamos con Marcus Fernández, un dos subdirectores do portal en internet que renovará o seu deseño este agosto

Marcus Fernández xunto a unha imaxe de Torpedo durante o certame Viñetas desde o Atlántico na CoruñaNaceu dun programa de radio, logo pasou a ser unha web e agora tamén é unha revista. Código Cero acaba de cumprir cinco anos de vida e conserva a mesma filosofía dos comezos: dar cumprida información sobre novas tecnoloxías e informática, sempre en galego. Un dos subdirectores da iniciativa, Marcus Fernández, fai balance destes anos e adiántanos algunhas novidades para o futuro.

Hai cinco anos nacía a web de Código Cero, precisamente o Día do Apóstolo, ¿por que elixiron esa data?
Foi totalmente a propósito. Eliximos o Día do Apóstolo para facer un lanzamento que se lembrase. Eu entón colaboraba no programa da Radio Galega, Código no que daba as novas da semana sobre informática. Pero atopábame co problema de que cando había que falar de webs tiña que soletrear e así foi como decidimos facer unha web para ir poñendo a información que dabamos pouco a pouco. O Día do Apóstolo era o noso día libre e ademais era unha data que se lembraba moi ben para os aniversarios. Despois iamos alimentando a web con novas e tiñamos un informativo diario. Pero o que tiña máis éxito era o resumo de información en formato PDF que colgabamos as fins de semana. Ese foi o xermolo da revista en papel. Foi un éxito. Se na radio e na web tiñamos boas audiencias, en papel a xente colaboraba moito connosco.

Que balance pode facer destes cinco anos?
Un balance boísimo. É moito traballo e moi duro, e a profesionalización era case imposible. Pero as cousas funcionaron. Fíxate, contratamos un servizo web para que se puidesen descargar dous Xigas de información nun mes e moitas veces, superamos o límite. Empezamos con ducias de subscritores e agora xa temos 1.800. Iso dá unha idea da cantidade de xente que está interesada en Galicia nas novas tecnoloxías.

Tiñan claro dende o comezo que ían a dar información en galego?
Por suposto, os contidos en galego son a nosa razón de ser. Non tiña sentido facelo en español porque xa había moitos medios que o facían nesta lingua. Para ofrecer algo novo, e ó mesmo tempo identificarnos, utilizamos o galego como bandeira. E comprobamos que había unha demanda deste tipo de información en galego. É certo que algunhas palabras hai que respectalas en inglés porque se coñecen así, pero nós tentamos explicar as cousas de xeito sinxelo.

De onde vén o nome de ‘Código Cero’?
Código Cero era o nome dunha columna que Xosé María Fernández Pazos (o director do proxecto) escribía no Diario de Arousa. Entón, por seguir un pouco a historia da columna, na que falaba de tecnoloxías e porque soaba ben.

Por que decidiron pasar a unha revista en papel?
Pasámolo a papel pola boa acollida que tiña o PDF que faciamos de resumo das novidades da páxina. Era un xeito de dar un pasiño máis. Incluso chegamos a publicar un libro e agora non descartamos facer outro tipo de iniciativas como poñer vídeos na web ou facer minirreportaxes, para enriquecer os contidos.

A revista distribúese de balde incluso nos centros galegos da emigración.
Si, distribuímos nos centros galegos da emigración que hai en todo o mundo, nos campus das Universidades galegas, nos centros de Formación Profesional, nas bibliotecas públicas, nas empresas que teñen un carácter tecnolóxico e tamén cubrimos eventos informáticos. Neste caso, adoitamos facer especiais.

A que tipo de públicos chegades máis?
Sobre todo, hai dous ámbitos que son os nosos principais receptores. Un é a xente nova, como os universitarios, que xa teñen asumida unha cultura dixital e outro, os profesionais que teñen interese en saber que se está cocendo nas novas teccnoloxías. Ademais, ó sermos un medio en galego, chegamos máis á xente que se sente próxima á nosa cultura.

En que momento diría que se atopa o mundo das tecnoloxías en Galicia?
O sector tecnolóxico vive un momento crucial. Estase producindo un rexurdimento do sector das tecnoloxías. Cando ocorreu o gran crash tecnolóxico no resto do mundo, apenas afectou a Galicia porque aínda estaba medrando. Por iso haberá que estar atentos a que sucede agora que hai unha segunda burbulla en internet grazas ós buscadores como Google e outras iniciativas que representan un novo movemento que pode funcionar moi ben ou derrubarse como pasou hai uns anos.

Para quen se abren novas posibilidades na rede?
Agora, si hai unha empresa que ofrece un producto atractivo, pode posicionarse na rede e captar público porque o número de xente conectado a internet é bastante elevado. Estamos nun momento de posibilidades, aínda que a xente do rural segue tendo dificultades para conectarse. O bo é que o prezo das conexións se foi normalizando.

Que tipo de público está gañando terreo en internet?
Sobre todo na xente moza que se conecta, chatea, intercambia correos electrónicos ou SMS como algo que está aceptado e forma parte das súas vidas. O problema dos cíbers que foron desaparecendo debeuse a que moita xente foi tendo conexión na súa casa. Na xente maior hai tecnofobia. Así como non aprenden a programar o vídeo, téñenlle medo ós ordenadores. E malia que moitos acoden a cursos de formación, non lles lanzaron un servizo que lles sexa doado. Hai iniciativas nalgúns países como é a do pagamento aprazado dun ordenador con conexión a internet co que igual a xente dá ese pasiño. Pero haberá que ver como funciona.

Hai iniciativas como a televisión a través do móbil que parece que non teñen moito éxito.
Si, porque unha cousa é o que queren os operadores e outra a demanda real. Ao mellor intentan introducir a televisión a través do móbil e a xente non o está a pedir. En principio, como nas tecnoloxías, hai que definir o mercado.
O problema é que ás veces se intenta vender a tecnoloxía sen dicirlle ao consumidor para que serve. No caso da televisión polo móbil, seguramente que en cinco anos poderemos ver a televisión sen ter que pagar se se aproveita a TDT. E usaríao a xente que se aburre mentres espera na parada do bus ou que ten que comer na oficina.

Que servizos poderíanse ofertar nese caso para que se aproveite a rede?
O acceso a internet non vai ser igual no móbil que nun ordenador. Pero si que se poden ofrecer outros servizos como consultar un rueiro para atopar unha tenda, chatear ou ter servizos de voz. Incluso chamar a través de internet pode dar moito de si, porque sería case de balde. E outras tecnoloxías como a de Motorola Screen 3 que ofrece a posibilidade de que che cheguen datos ao móbil sobre, por exemplo, a previsión do tempo.
Pero isto é tamén xa unha cuestión cultural. En Xapón funcionan servizos como xogos ou ligar cos móbiles, algo que aquí non se entende.

Como é o proceso de traballo en ‘Código Cero’?
Xeralmente recibimos información de empresas que teñen algunha nova que difundir, e rastrexamos a internet galega e internacional para ver que novidades son de interese. Buscamos cousas curiosas, ou ás veces, mesmo inútiles. Cubrimos tamén rodas de prensa ou inauguracións interesantes no sector das tecnoloxías. Parte da xente que traballamos aquí estamos profesionalizados e outros son colaboradores que teñen a canle dos blogs.

Os ‘blogs’ son unhas das iniciativas na rede que máis acollida están a ter en Galicia.
Si, o blogomillo medra a unha velocidade alucinante. Os blogs están a ter un peso especial porque en Galicia pasa un detalle na comunicación.Case todos os xornais que saen a diario están feitos en castelán. Existe un baleiro de publicacións en galego. Por iso hai tanto boom na rede. Fíxate, os tres primeiros medios de comunicación máis visitados en internet son os que están especificamente na rede: Vieiros.com, Xornal.com e Codigocero.com. Existe unha demanda de medios en galego que se atende no mundo virtual. E isto medra como unha bóla de neve: canta máis xente teña un blog, máis aumenta o blogomillo. Na actualidade hai máis dun milleiro de bitácoras en galego, que tratan sobre temas de Galicia, o cal se agradece.

Na sección ‘Top 100’, inclúen as cen webs galegas máis populares.
Si, iniciamos a sección por curiosidade cando saiu o programa ‘Alexa’ que mide a popularidade das webs polas visitas dos usuarios. Nós decidimos entón catalogar unha listaxe de webs galegas, na primeira iniciativa deste tipo que houbo en Galicia. A través deste barómetro constatamos que os xornais son as webs máis vistas, e os bancos son os servizos virtuais de máis éxito.

Que tipo de datos resultan máis curiosos nesa listaxe?
Ofrece datos curiosos como que o segundo posto das webs máis visitadas ocúpao un portal de xogos galego, que supera á páxina da Xunta. Hai medios como Vieiros que teñen incluso máis popularidade que os medios impresos. E tamén nos serve para medir a popularidade de eventos no tempo como o portal do Xacobeo que no inverno a penas ten visitas e no verán ou cando é Ano Santo medra moitísimo. Os xornais están medrando. Hai uns anos tiñan un pouco abandonados os seus sitios web pero agora saben que é unha forma de captación e empregan máis recursos para actualizar os seus portais, nos que varían as noticias varias veces ó día.

E os concellos melloraron as súas páxinas webs?
Si, a xente tomou conciencia do que é a rede. Os concellos gañan posicións en base ás reformas das súas webs. Fixeron ben o traballo: partiron de sitios básicos, ofrecendo servizos para o cidadán. Iso nótase co tempo. Nun estudo do Ciberpaís destacábase que 15 concellos galegos están entre os mellores en aproveitar estas aplicacións.

Como foron cambiando os contidos que ofrecedes en internet?
Antes as novas eran só texto, pero co paso do tempo, incorporamos máis imaxes porque xa non son algo pesado e non temos que esperar para descargalas. Tamén enriquecemos os contidos, incorporamos vídeos, algo que é doado de introducir porque a xente está afeita.

Van incorporar cambios na web de ‘Código Cero’?
Si, este mesmo agosto imos cambiar o deseño da web. Queremos introducir máis imaxes e máis contidos. Así que remodelaremos a web para ter máis flexibilidade. Farémolo ó longo de todo agosto para que a xente nos vaia comentando tamén o que lle gusta e o que non. Achegaremos servizos novos como o buscador e mesmo pensamos introducir enlaces cos blogs dos colaboradores. E a ver se superamos as 250.000 visitas que temos ó mes, que son moitísimas comparadas coas 3.000 que tiñamos ó principio. Esperemos que cada vez haxa máis xente conectada a internet en Galicia para termos máis apoio.


Dúas iniciativas galardoadas

Marcus Fernández creou xunto con Carlos Ballesteros o núcleo de ‘Código Cero’, dirixido por Xosé María Fernández que levaba na Radio Autonómica Galega ‘Código’, un programa que informaba sobre as novas tecnoloxías que deixou de emitirse no 2002. Pouco tempo tivo que pasar para que codigocero.com colleitase un éxito importante, tanto que o mesmo ano que naceu, o 2001, foi galardoado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia coma o mellor proxecto de difusión de novas tecnoloxías dese ano.
Pola súa parte, a revista tamén foi recoñecida pola asociación de Empresas Galegas de Internet, (Eganet) como a mellor sobre novas tecnoloxías do país. Forman parte do equipo que achega o seu traballo ao portal nomes coñecidos da comunicación en Galicia como Manolo Gago, director do portal culturagalega.org, que participa na sección de ‘Opinión’, o escritor Xavier Alcalá que colabora tamén en ‘Opinión’.

Agora ben, dende aquí quero indicar que hai algúns erros na informacións transmitida. Por exemplo, cando falo de que hai 5 anos tiñamos en Código Cero a típica hospedaxe que da 2 Gbps de transferencia ó mes quería dicir que agora chegamos a superar tal tráfico nun so día, ou sexa, que en 5 anos multiplicamos o tráfico da nosa web por máis de 30 (de feito, coido que por 50). Con iso non digo que aumentasemos tanto en número de seguidores, xa que tamén pasa que as webs cada día teñen máis gráficos e ficheiros adxuntos, polo que as necesidades de transferencia son maiores.
Para clarexar un pouco o asunto podo dicir que cando tiñamos uns 200 subscritores ó boletín de Código Cero o noso tráfico de rede era de aprox. 1 Gb/mes, e agora que temos 1.800 subscritores o tráfico é de preto anda preto dos 2 Gb/día, ou sexa, que a relación audiencia/tráfico non é totalmente proporcional.

Por outra banda tamén se malinterpretou a miña declaración sobre as melloras das webs municipais, xa que o que dixen é que das 15 mellores webs de concellos de toda España 3 son galegas (segundo o informe do CiberPaís) o que é toda unha pasada (no pasado só o Concello da Coruña tiña boas puntuacións). Estamos afirmando que das 7 cidades galegas, 3 están entre as mellores de España na Internet, e iso é unha auténtica pasada se temos en contra os problemas de penetración tecnolóxica de Galicia.

En definitiva, que quitando as dúas matizacións sobre o texto, a entrevista quedou bastante ben reflectida, o que ten moito mérito por parte de Vanesa Oliveira, xa que tivo que facer un resumo de todo o que falamos.
A foto que ilustra a entrevista é a máis friki que tiña a man, pois está ambientada no Viñetas desde o Atlántico da Coruña, o que deixa constancia da miña afección polos comics. Mellor ter unha foto ó lado dunha estatua de Torpedo que unha xogando cunha réplica dunha espada de luz de Star Wars, ¿non?

Xoves, 27 de Xullo de 2006

Dentro de Espinete hay una persona

Espinete, Don Pimpón y Chema en Barrio SésamoCarlos Seguro acaba de entrevistar na radio a Chelo Vivares, a moza que facía de Espinete en Barrio Sésamo. Por suposto, preguntoulle tópicos como se era certo que casara con Juan Sánchez (Chema, o panadeiro), e ela respondeu que casaran antes da rodaxe de Barrio Sésamo. Para os que queiran saber máis dos actores do emblemático programa poden ler máis en ¿qué fue de?.
Ademais, falaron das labores de dobraxe de Vivares, das que podemos destacar a Amy Wong (Futurama), Stan Marsh (South Park), Pedro (Heidi), Chloe Sullivan (Smallville), Pica, Todd Flanders ou Ralph Wiggum (os 3 últimos dos Simpson, aínda que coido que ocasionalmente tamén fixo de Martin e de Nelson).
Como vedes, ten unha carreira completiña, aínda que, ¿por qué falar dela agora? Pois porque uns fulanos chamados David Antúnez & Absurdo y Siniestro están rulando pola Internet a canción Dentro de Espinete que seguro que lle mola a tódolos nostálxicos de España:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Mércores, 26 de Xullo de 2006

Black Eyed Ervilhas

Sergio Mendes tiña unha canción coñecida como Máis que nada que se versionou en moitísimas ocasións ata chegar a ser o tema das Tanga Girls:

Incluso houbo grupos femininos xaponeses que intentaron dar un toque orixinal á canción:

Pero quitando ás Tanga Girls e a Vanilla Mood, está claro que a versión definitiva é a que sacou o propio Sergio Mendes cos The Black Eyed Peas:

Nótase que lanzaron a canción a comezos do verán para ver se a volvía a pór de moda este ano (xa que é a típica canción recorrente) pero supoño que haberá que agardar ó San Roque para saber se o tema tamén arrasa en España, xa que por aquí aínda predominan Laura, o Koala e a boneca de trapo.

Concerto de Toll 64

Toll64 en Noites de XoldaPara que Rochy non me mate lembro á peña que este xoves día 27 de xullo no Pub Leghard (no Orzán) celébrase ás 22:00 horas un concerto do grupo Toll 64 que só custa 2 euros e que promete ser moi entretido.
O grupo é moi noviño e ten poucas cancións propias, pero non se cortan un pelo en versionar temas alleos, coma o de Non todo é o que parece que se fixera famoso no Xabarín Club. De tódolos xeitos se non queredes ir a cegas ó concerto, dende aquí podedes escoitar os temas deste prometedor grupo:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Martes, 25 de Xullo de 2006

¿Amor na Rede?

Ai, ai, ai… como onte puxeron na TVG un especial sobre as Festas do Apóstolo, quedei sen a ración semanal de Somos unha potenzia e a única proposta nova que deu a televisión non me pareceu moi satisfactoria, xa que onte se estreou o programa Amor en la Red.
Nun principio un xa sabe qué agardar deste tipo de programas, se está sobre aviso, pero a verdade é que o lanzamento do programa, se nos fiamos pola nota de prensa de Cuatro, parecía algo fresco e diferente, cando a realidade era ben distinta.
O novo programa é o típico concurso de ligoteo, pero a novidade era que se empregaba como coartada a Internet, o que resulta ser un camelo, xa que os concursantes non saen da base de datos de Match.com, senón que son os típicos invitados ós talk shows da tarde que nesta ocasión queren saír na televisión facendo que buscan parella.
Para comezar, xa poñen un presentador guaperillas, o Aitor Trigos (que tería máis gracia se respondese ó nome de Aitor Tilla) e que no seu currículo ten o mérito de ser elixido Mr. Turismo Internacional 2001 (¡manda carallo!):
Aitor Trigos
Despois, collen a un concursante que parece sacado do discoteca da esquina:
SonnyCroket
¡Fixádevos! ¡O seu alcume é Sonny Crockett! Ou sexa, que se trata dun fan de Corrupción en Miami… ¡aínda quedan! Con este precepto a película de Colin Farrell vai ser un éxito.

Por suposto, as mozas tamén parecen sacadas dunha discoteca ou pub (nalgún caso, incluso dun club):
Concursante feminina

E presentan ós participantes dun xeito moi webeiro:
imaxe webeira do concursante

Pero despois do desfile gráfico, ¿en qué consiste o programa? Pois simplemente se trata dun remake do Vivan los novios de Andoni Ferreño e Natalia Estrada no que os datos de compatibilidad non saen dun ordenador anónimo, senón que vén da man do patrocinador do programa: Match.com.
Ademais, coincide que Match.com tamén é o patrocinador dun programa moi semellante que hai en Telecinco (La hora de los corazones solitarios) polo que podemos afirmar que estamos ante un programa totalmente innovador, que o único que o liga coa Internet é o grafismo que amosan, xa que emula a páxinas web.
Polo demais, unha trapallada de programa que só servirá para quen desexe pasar o rato vendo a tele e que lle dea igual ter diante un documental que a Ana Rosa. Supoño que se o nivel físico dos concursantes é bo sempre haberá quen vexa o programa co volume da tele baixo, porque ¡calquera atende a un programa tan ridículo (aínda que parece que o seguiron 297.000 espectadores o que suporía un 4,4% dos share televisivo estatal)!
En fin, que para iso os de Cuatro podían estar quietiños, pero supoño que será un programa deses que non pasan do verán, ¿ou si?

Edilberto Alonso estrea canción no Día da Patria

Edilberto Alonso dedica unha canción á Terra Meiga
O Día da Patria de 2006 sorpréndenos cun novo tema de Edilberto Alonso dedicado á toda á xente da emigración que vive a morriña e, como non, a toda Galicia, á que da en chamar Terra Meiga:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Se ben, Galicia será nación estaba inspirada nunhas declaracións de Anxo Quintana na súa procura dun estatuto de nación para Galicia, nesta ocasión foi Emilio Pérez Touriño quen deu pé ó novo tema de Edilberto cando afirmou públicamente que quería unha Galicia de primeira e destacou que non quería facer un feo á Coroa, a Santiago ou a Galicia. Ou sexa, que deixa claro que non casa nin co BNG nin co PSdeG, senón con Galicia.

A letra da nova canción é a que segue:

Terra Meiga

Terra galega… é a terra miña
de corredoiras fondas… e arredores na cima
con pasadoiros pequenos… pra ir a ver á moza miña

Terra galega… é a terra miña
canto boto de menos… aquelas romarías… nas carballeiras
o son das gaitas baixando pola ría

Terra galega… terra de Rosalía

Terra galega… de Pondal e de Murguía
Terra galega… tamén a de Emilia ( Pardo Bazán )
de Isaac Díaz Pardo… intelectual e artista

Terra meiga… chea de ledicia

Terra meiga… é a miña Galicia

Co vento irán as miñas bágoas
por non voltar a ela
e sentireina á miña beira
anque morra lonxe dela

Terra galega… é a terra miña
de Emilio Pérez Touriño
por el ben defendida
Terra galega… por el ben presidida

e sentireina a miña beira
anque morra lonxe dela

Larala laralala…

© 2006 Edilberto Alonso

Se queredes descargar a canción, como é habitual, remítivos á web de XuveCurtis, que é a fonte oficial de información sobre o novo trobador galego favorito.
Eu pola miña banda coido que a canción é demasiado tristeira, e prefiro outras como Down The Saint James Way ou Maixkenunka, que son máis movidiñas, pero se lle toucou o turno á morriña é normal que a canción non teña ritmos tropicais (non coma fai o David Bustamante, que co seu Devuélveme la vida parece que está contento de cortar coa moza, e non como facía Antonio Orozco uns meses antes compartindo o título da canción).

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero